La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos asistín a unha escena divertida, provocada pola presenza dunha muller moi guapa que un grupo de catro ou cinco homes trataban de conquistar. Como eu era aínda rapaciño e quedaba excluído do concurso, puiden contemplar o combate desde fóra, asombrado das cousas raras que se poden dicir e facer en circunstancias semellantes. Había quen exhibía como graza unha ristra interminable de chistes tontos; outro pretendía chamar a atención falando dunha capacidade desmesurada para inxerir cervexas sen mexar.

Postos na necesidade de superar cada un os méritos dos demais, un terceiro dixo que era capaz de engulir vinte aceitunas con óso e botalas a continuación unha por unha, máis de vinte minutos despois. Só nos libramos da porcallada grazas á rapaza, que cun expresivo xesto de anoxo disuadiu ao conquistador.

Onte, mentres esperaba nunha cola, escoitei un mozo que facía tamén grandes esforzos para impresionar a rapaza bonita que o acompañaba. A este dáballe por presumir da súa afección a nadar en augas frías, mellor que nunca en datas como hoxe, coa neve caendo a poucos quilómetros do mar. Cando o rapaz apretaba o tornillo unha volta máis aínda, falando do pracer que lle produciría bañarse nas augas xeadas de calquera país do norte, a mociña mirouno con cara de pena e díxolle: “¡Ai, fillo, pois coa pinta que tes de paxariño…!”

Esta columna publicouse orixinalmente o 9  de febreiro de 1994.