La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo achegueime a Lalín para ler o pregón da Festa do Cocido, que é un dos acontecementos gastronómicos máis importantes do país. Durante perto de dúas horas, estivemos vendo un desfile de charangas, grupos de danza, gaiteiros e xente que amosaba, desde as carrozas, tractores e camións, as súas tradicións e habilidades: serranchíns serrando madeiras, zoqueiros facendo zocos, cesteiros preparando cestos, queixeiros fabricando queixos e incluso unha familia desfacendo un porco. Había tamén un xabarín domesticado, unha vaca dando leite e non sei cantas cousas máis. Unha grande explosión popular, alegre e simpática, moi natural.

O xantar, impoñente, con centos de persoas. Eu dediqueime a identificar, con verdadeiro interese, os vinte e oito sabores que, segundo Cunqueiro, ten a cacheira, ou cachucha, como se chama na miña terra a cabeza do porco. Non cheguei a todos, ignoro se por culpa do meu padal ou porque para alcanzar esa meta hai que dispoñer dunha fantasía da que carezo. Con todo, o cocido estaba bárbaro.

De volta, antes de chegar a Caldas de Reis, collín unha longa caravana de autos e tiven que circular, durante bastante tempo, a menos de tres quilómetros por hora. Para entreter a espera, a parella de noivos que ocupaba o coche que me precedía púxose a incrementar o seu amor, que xa non debía ser pouco. Seguindo as regras da boa educación, eu tiven que mirar para outro lado. Entón ocurréuseme que se, en vez de amarse, aquel rapaz e aquela rapaza se desen unhas boas labazadas, nada me impediría mirar. A vida é así de contraditoria. De todas maneiras, é preferible aburrirse un pouco nunha caravana que ver uns mozos pelexando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de febreiro de 1999.