La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando falei onte aquí do meu antigo compañeiro de estudos, un rapaz a quen lle chamabamos Gomirro, viñéronme á memoria outros episodios e outras persoas daquela época. Por exemplo, o Zalo Peláez, a quen aínda vexo en Xinzo de cando  en vez. Era un bromista, cunha vocación cómica irresistible, sobre todo nas clases de relixión. Nunca souben por que motivo difícil de entender, o profesor da materia, un cura completamente xordo, tiña a opinión de que aquel rapaz coñón era o mellor alumno que tivera nunca.

Por iso lle pedía case sempre que saíse a dar lección, o cal se convertía nun verdadeiro escándalo. Quero dicir que o citado compañeiro, cunha audacia que nos impresionaba, púñase a falar como Cantinflas pero sen articular unha frase que tivese sentido.  Por exemplo: “Andele, señor cura, que le digo que le voy a decir, digo yo”.

Nalgunhas ocasións aproveitaba para facer chistes, o efecto cómico dos cales se agrandaba cando o profesor comentaba: “Muy bien, Peláez, continúe”. Unha vez, o Zalo dixo berrando: “El día del Juicio Final, a los buenos, Dios les dará pan con azúcar y a los malos, pan con alambre”. Non puiden reprimir unha gargallada e un xesto moi visible que me custou a expulsión. Anos despois, conteillo ao profesor, que me dixo: “Así que fun inxusto contigo”. Respondinlle que non: non hai inxustiza que dea risa. A non ser cando un se ri dos demais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de febreiro de 1998.