La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Algunhas veces me referín neste pequeno recuncho do periódico á tertulia de verán que mantemos Gonzalo Torrente Ballester e outros amigos, desde hai xa moitos anos, nunha cafetería de Baiona. Ás veces, cando o novelista se sente vago para moverse, arte que practica cunha contumacia admirable, montamos a cháchara no xardín da súa casa da Ramallosa, á sombra duns laranxeiros que dan un froito excelente, verde por fóra e puro azucre por dentro. O que máis me gusta de Torrente nesas tertulias é que cre en moi poucas cousas.

Por iso nunca se exalta. Os que non o coñecen ben poden pensar que se trata dunha persoa cerebral, o cal é certo, e sen entusiasmos, o cal non é certo. Eu téñoo visto autenticamente extasiado diante de calquera aparato electrónico ou escoitando unha conversa intelixente. As ideas, non obstante, pásaas sempre pola cabeza.

O corazón resérvao para os sentimentos. Ignoro cales lle espertará estes días esa nota duns escritores de Alicante que cuestionan a honestidade do premio Azorín que lle foi concedido o ano pasado. Do que estou seguro é do que lle pasará polo cerebro: a solemne invocación á   ética que fan os denunciantes vaille aforrar calquera reflexión. Torrente raramente emprega esa palabra, e cando o fai, nunca soa como unha pedrada furiosa contra os demais, senón como unha reflexión tranquila sobre as miserias que todos levamos dentro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de febreiro de 1995.