La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día vinte e tres de abril do ano 1976, a iso das doce da mañá, baixabamos Celso Emilio Ferreiro e mais eu paseando polas Ramblas, en Barcelona. Era unha mañá limpa e soleada, invadida xa pola alegría azul da primavera. Por todo o paseo adiante, arredor dos postos que os libreiros sacaran á rúa para celebrar a festa de San Jordi, xuntábanse unha multitude informal de xente, especialmente rapaces e rapazas novos, que revolvían con gula entre os libros expostos sobre a mesa. Moitos levaban flores na man.

Nun momento empezouse a escoitar unha especie de ladaíña recitada a coro que chegaba da Praza de Cataluña. Era unha época de manifestacións e protestas frecuentes. Pouco a pouco o rumor íase achegando e conforme se acercaba, cada vez resultaba máis perceptible, polo menos de forma parcial, o sentido da salmodia.

Eran un cento de mozos e mozas que baixaban berrando: “¡Meemos el Liceo! ¡Meemos el Liceo!”, e que cando estiveron á altura do edificio o mexaron. Despois, pechadas as pretinas e subidas as bragas, marcharon proclamando a voces o seu desprezo contra a cultura burguesa. Mentres tanto, os policías que seguían a manifestación desde un coche próximo rían ás gargalladas. Onte, non obstante, diante do edificio destruído polo lume, o que abundaban eran lágrimas. E os que choraban non parecían precisamente burgueses.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de febreiro de 1994.