La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Xa teño falado aquí nalgunha outra ocasión do tráfico de reliquias que existe nos Estados Unidos, un país que garda nas casas de moitos particulares as mentiras máis fermosas do século XX: ósos de santos, dentes dos profetas, navallas de Satanás, plumas de anxos… Hai tamén un médico que ten na súa biblioteca, metido nun frasco con formol, o cerebro de Einstein. Ofrécenlle millóns por el. Recentemente, uns estudantes pretenderon gañar diñeiro cunha orella do escritor William Saroyan. Resultou ser falsa.

Alá polos anos setenta, o Goberno sueco tivo que pagar bastante diñeiro pola cabeza de Swedenborg, que apareceu en mans dun particular. Para que este señor non a sacase a poxa, houbo que mercarlla. En París descubriuse despois da guerra un negocio de ósos de xente famosa roubados nos cimiterios da cidade.

Onte aínda, as televisións de todo o mundo difundiron as imaxes da dispersión das cinsas de Gandhi nas augas do Ganxes. Apareceron hai pouco na caixa forte dun banco. Seguro que foron moitos os que pensaron que se trataba dun dispendio. Distribuídas en pequenas doses, empaquetadas en frasquiños de cristal, poderían valer unha fortuna. Como adorno para os salóns, serían perfectas, ideais para amosarlle ás visitas. Aínda así, non está todo perdido: cuns troncos queimados pódese facer un bo negocio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de febreiro de 1997.