La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non coñezo de nada a Xabier Arzallus, aínda que nunha ocasión coincidimos nun hotel en Madrid, moi preto das Cortes, cando el era deputado no Parlamento español. Recordo que o político vasco tiña entón algún problema de tipo administrativo na recepción, pois varias veces o sorprendín protestando amablemente naquela dependencia. Teño idea de que se queixaba porque non acababan de pasarlle unha factura que quería pagar. Do que si me lembro é de que unha das veces dixo sorrindo que el era unha persoa seria.

Esa é a idea que sempre tiven del, a de ser un home serio. Teño igualmente para min que se trata dunha persoa intelixente. Iso non impide que ao mesmo tempo moitos o consideren un  fanático. Os tres riscos son compatibles, aínda que resulta inevitable que o terceiro deles, incrustado nas zonas máis profundas e rexas da personalidad, acabe impoñéndose sobre os outros dous. Puñeterías da alma.

Só unha perturbación desa natureza pode explicar que un home intelixente e serio diga que os vascos son unha raza vella e pura, ameazada de contaminación polos que veñen de fóra. As conclusións que unha tal afirmación impón son tan perversas intelectual e moralmente, que a intelixencia e a seriedade de Arzallus non as poderían asumir sen rubor. A non ser que á hora de prohibir matrimonios entre vascos e non vascos, lóxica inevitable, a man fanática que firmase, como tantas veces, fora máis forte que a cabeza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xaneiro  de 1993.