La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O tío Peseta foi un vello radical e terrible da miña infancia. Durante anos sentín medo diante del, non tanto polo aspecto de descomungado que tiña, como pola autoridade demoníaca de que gozaba. Estouno vendo, pequeño e rillote, no acto coloquial de impartir doutrina debaixo dun inmenso carballo da parroquia de Beiro, a non moitos metros da igrexa, fumando con parsimonia nunha enorme pipa revirada da que nunca se desprendía e pulverizando con argumentos que case me facían chorar de impotencia todo aquilo no que eu cría.

Gozaba da sona dun sabio e do predicamento dun home de ben. Estivera en América, sabía ler e escribir, e tiña participado nalgunha actividade política para xentes atrabiliarias, desas que resumen todos os males do mundo na existencia dos curas e as monxas. Oírlle falar destes, con infinidade de historias con roubos, asasinatos e preñeces, desataba en min o desexo criminal de matalo.

Cando vin a primeira foto que se fixo pública de Abimael Guzmán, despois de que este caese  nas mans do exército peruano, o seu rostro ancho e redondo recordoume case de forma automática o daquel tipo pintoresco da miña infancia: o mesmo pescozo de touro e a mesma boca de lagarto. Polo que respecta aos discursos, se xulgamos polas cintas que se acaban de facer públicas co pensamento do guerrilleiro, tamén a mesma seguridade suficiente e unha idéntica chatarra ideolóxica. A do peruano, iso si, con rango profesional.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xaneiro de 1993.