La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese Paquiño Cebola do que falei onte aquí chamábase Francisco Janeiro polo cristián, pero el mesmo tiña asumido o alcume como propio. Dicía: “Llamar me llamo Francisco, pero mi nombre de verdad es Cebola”. Non sei de onde lle viña a nomeada, quizais dalgún episodio descoñecido da súa infancia. Falaba sempre en castelán, igual que o seu amigo Efraín, un colega da parte de Maceda, que dicía palabras como “pián”, “quialdo” e outras polo estilo. Deste último publiquei unha entrevista inventada nun periódico escolar que escribía eu só daquela e que se chamaba El Averno. Por certo que por chamarlle “faba” a un profesor recibín vinte labazadas.

A propósito de El Averno, este consistía en catro follas escritas a man, que saía os xoves en exemplar único. Foi medio clandestino ata que o meu profesor de Literatura, don Agustín  Madarnás, me pediu que o lese na clase. Iso non impediu que no episodio da “faba”, fose considerado por outros profesores con menos sentido do humor como un atentado. De aí os sopapos que me deron.

Sobre o Cebola escribín no meu periódico infantil uns versos acerca da historia do paxariño que contei onte. Só recordo unha parte que dicía: “El pajarito del Cebola volaba a mil por hora”. Un horror. Ese poema figuraba nunha libreta que fixemos en colaboración un colega meu que se apelidaba Viéitez e que bautizamos pomposamente como “Lira viemourina”, na que o outro puña a poesía e eu puña o sal gordo. Pasámolo ben. Van alá moitos anos, tantos que deixaron de ser parte da memoria e empezan a converterse en melancolía. As lembranzas teñen iso: ou se miran co gozo dunha época feliz ou morden nalgún sitio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xaneiro de 1999.