La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, en Ourense, durante unha proxección cinematográfica á que asistín, producíuse un longo apagón que acabou por irritar ao sector máis xuvenil da concorrencia. Amparados na escuridade, os gamberros elexiron como vítima, non sei por que razón, ao acomodador. Chamáronlle nomeadas feas e, segundo me pareceu, incluso lle lanzaron algunha cousa contra a cara, que el esquivou. Home prudente, limitouse a contestar aos agresores dicíndolles que eran uns «gandules»e uns «badulaques». Iso foi todo. Ao se reanudar a sesión, volveuse resctablecer a orde, atraídos novamente os asistentes polo contido da película, unha americanada intranscendente, pero ben feita, como ocorre case sempre co cine daquel país.

Había tempo que eu non escoitara as palabras con que o acomodador tratou de responder á agresión dos seus verdugos. En realidade, con palabras de outro tempo e supoñen unha concepción do insulto radicalmente distinta da actual. É unha concepción decente, que pon ao seu autor moi por riba da talla moral dos insultandos. Ten, ademais, a vantaxe de que non provoca a resposta violenta da parte contraria, que non se sinte ofendida: os gamberros do cine nin siquera reaccionaron, e teño a convicción de que tampouco entenderon con detalle o que lles estaban chamando.

Para que un insulto produza efectos inmediatos parece que ten de poñer en dúbida, polo menos, a honra da propia nai ou cualificar a un home de encornado. É dicir, colocar a ofensa máis alá da responsabilidade moral do ofendido, que non pode ser considerado culpable dos actos dos demais, aínda que estes sexan parentes tan próximos como os mentados. Soamente nestes casos e outros semellantes, o código social do honor esixe unha reparación airosa, aínda que non sempre tan radical como en tempos de don Pedro Calderón. O resto pode ser tanto un signo de madurez como de ignorancia. En todo caso, vale como contribución á causa da paz no mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xaneiro de 1983.