La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, mentres lía no salón pola noite, xa de madrugada, reparei un momento no televisor, que estaba acendido e só nunha esquina, sen voz, traballando para ninguén. O que me distraeu da lectura foron unhas luces que chegaron ata min, procedentes da pantalla, e a continuación o rostro dunha rapaciña fermosa, duns vinte anos, que sostiña unha vela na man e que choraba a fío, pero cos músculos da cara enteiros, sen engurras, como se fose consciente de que a fondura da pena non require de ningunha teatralización engadida e que basta con chorar. A curiosidade levoume a darlle voz ao televisor para ver que pasaba.

Estaban dando, nunha desas cadeas que entran a través dos satélites, unha reportaxe sobre ese retrasado mental que executaron hai pouco nos Estados Unidos. Como sucede case sempre neste tipo de situacións, había dous bandos, o dos que protestaban contra a aplicación da pena de morte e outro dos que aplaudían porque estaban a favor.

O comportamento dos dous grupos era oposto entre eles: uns saltaban de alegría, cantaban, berraban e facían xestos feos contra o morto; os outros portaban velas acendidas e mantíñanse en silencio, algúns chorando, como a rapaza da que falei. Observando aquelas dúas actitudes, pensei que non debía ser nada difícil saber quen tiña razón. E, sen embargo, hai pouco, un señor que se chama John Ashcroft e que é senador por Missouri púxolle o veto a un candidato a xuíz —pola pobreza do seu expediente en condenas a morte—. Supoño que o tal senador busca a continuidade no cargo. Teno seguro. En América aínda hai poucas rapazas como aquela que vin chorando na televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xaneiro de 2000.