La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte lin nos periódicos que en Inglaterra mataron un polo que estaba mal da cabeza. Na noticia soamente se dicía que o animal daba mostras de comportamentos estraños, pero sen concretar en que consistía a súa loucura. Aínda que pareza raro, non se trata dun feito extravagante, pois os bichos sofren tamén esta clase de trastornos. Sen ir máis lonxe, nós tivemos unha gata que estaba tola. Atacaba a toda a familia de maneira inesperada, coma se fose un tigre. Fusilárona nun monte de Ourense.

Cando eu era rapaz, nunha taberna de Xinzo de Limia oín contar a historia dun burro de Solveira que perdeu a razón a consecuencia dun sachazo que un veciño lle deu na cabeza. O asunto rematou mal, pois o dono, anos despois, matou ao agresor. Este suceso utiliceino eu para escribir un conto que está no meu primeiro libro.

Tamén por aqueles anos, andaba polas vilas un circo pobre que levaba como número especial un coello asasino. A verdade é que tiña aspecto de infeliz e vivía pechado nunha gaiola de barrotes de ferro reforzados cunha caixa de cristal. Dicían que se trataba dun tolo perigoso,  capaz de matar un home grande cando lle entraba a furia. Así era presentado polos donos, que o exhibían á parte, detrás dunhas cortinas, cobrando unha peseta extra. Eu paguei para velo, pero máis que tolo pareceume que estaba triste.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xaneiro de 1997.