La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como sabe todo o mundo, os anónimos levan sempre perfectamente estampado o nome do remitente. Quero dicir que abonda con pensar durante cinco minutos, no caso que pague a pena, que case nunca paga, para averiguar quen foi o autor dunha acción que algúns chaman infamia e que a min sempre me pareceu unha tontería. Había un escritor en Ourense, moi boa persoa, que tiña a desgraza de ser, para isto dos anónimos, como unha especie de pararraios. Era tal a súa experiencia, non menor que a súa perspicacia, que antes de tiralos ao cubo do lixo, púñalles a firma do remitente, e dicía que case nunca se equivocaba.

Acordeime del estes días, cando lin no Suplemento Literario do Times, nesa sección de cotilleos que pasa por ser unha das máis lidas de todo o semanario, unha noticia relacionada con isto dos anónimos, pero na súa versión máis moderna, é dicir, envíos sen identificación realizados pola internet, e que afectou a unha escritora británica.

Foi o caso que unha coñecida librería que vende libros por ese medio abriu una sección entre os seus clientes para que estes, ou ben co seu nome ou de maneira anónima, puidesen facer crítica dos libros que mercaban. Recibiron de todo, naturalmente, pero unha obra de Jessica Duchen foi criticada dunha maneira bastante desabrida, negándolle calquera mérito literario, por parte dun lector que preferiu enviar a súa comunicación sen especificar a súa identidade, o cal formaba parte do xogo, como dixen. O curioso é que, nada máis ter coñecemento do escrito, a escritora foi terminante. Dixo: “A virulencia repugnante desa crítica permíteme saber quen foi”. Seguro que ten razón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xaneiro de 2000.