La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nalgunha parte das súas memorias, a escritora francesa Simone de Beauvoir conta que o seu pai era unha persoa tan ben educada que mesmo cando se enfadaba e se lle escapaba a palabra “merde”, por exemplo, esta soaba ben nos seus labios. É certo que hai xente que ten esa virtude, igual que hai xente que ten a contraria. Nos meus anos de estudante en Santiago  andaba pola facultade de Letras unha rapaza guapa e delicada que dicía con graza unhas enormidades capaces de sobrecollerlle o corazón a un bárbaro.

En xeral, a xente non é demasiado ocorrente cando fala mal. Case todo o mundo emprega as mesmas expresións, que de tanto seren usadas xa non significan nada. Non é raro que en Chile, os españois sexan coñecidos popularmente polo nome  de “coños”, a causa do hábito rutinario na utilización desa palabra.

Onte, non obstante, lin na prensa unha expresión gorda que me pareceu que estaba moi oportunamente elixida. Quen a empregaba era Indro Montanelli, o célebre periodista italiano, que aos seus oitenta e cinco anos acaba de enfrontarse co seu patrón, o empresario Berlusconi, empeñado en dedicarse á política contra o sabio parecer daquel. Para Montanelli, a culpa é do grupo de aduladores aproveitados que rodean o xefe. Posto a cualificalos, non atopou mellor termo para definilos que “mamóns”. Non resulta difícil de imaxinalos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xaneiro de 1994.