La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo profesor que sabe todo o que se pode saber sobre demos e que cre nos espíritos. Non se trata dun tolo nin dun tonto, senón dunha persoa intelixente e culta, pero que ten esa teima. O sábado, por exemplo, faloume dun artigo que acababa de ler nunha revista americana e díxome que hai un demo novo, nacido hai uns trinta anos, que ten a misión de acabar co mundo polo procedemento de manchalo. Supuxen que se trataba dunha maneira metafórica de referirse ao problema da contaminación.

Non era iso. O tal demo naceu realmente no mundo dos demos e vive igual que vivimos nós, pero nun mundo diferente, onde non hai ninguén que sexa boa persoa, aínda que todos son moi listos. Non digo que non, pero non consigo entendelo. Segundo o meu amigo, a miña postura non é máis que un puro prexuízo.

Púxome un exemplo. Preguntoume se son capaz de aceptar que un cacho de queixo está feito de pequenos paquetes de enerxía sen sabor, sen color, sen olor, cun espazo baleiro entre eles. Respondinlle que si, que estou convencido de que iso é certo. Logo preguntoume se podía crer en Deus e no Espírito Santo e na creación do mundo a partir da nada e na vida despois da morte. Nin eu tiven que responderlle nin el se sentiu obrigado a tirar ningunha conclusión. O que pasa é que eu pensei que o demo era máis vello.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xaneiro de 1997.