La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un profesor contounos o outro día a un grupo de amigos, durante o xantar, que nos colexios xa se chegou, por fin, á igualdade entre rapazas e rapaces. Non se trata de igualdade intelectual, que iso non se podería nin discutir, senón que uns e outras se comportan, polo visto, da mesma maneira. Por exemplo, o fútbol deixaría xa de ser un deporte exclusivamente masculino, así como subir ás árbores, tirar pedras, dicir palabras gordas e incluso pelexar. Polo que a isto último se refire, falamos de pelexas entre eles e elas, pois as outras, entre pares, sempre as houbo. Dáse a circunstancia, ademais, de que agora as nenas son tamén fortes e bravas.

Isto é unha novidade. Hai anos, cando eu era rapaz, nenas e nenos non podían facer as mesmas cousas. Naturalmente, sempre había algunha moza disposta a rebelarse e non aceptar esa imposición educativa, pero acababa por converterse nunha especie de troutrou, como unha compañeira da miña escola que xogaba ao galope e saltaba á churra. Por faceren iso, hoxe xa non son marautallos.

A cambio, os rapaces fan tamén cousas que antes non podían facer, como coser un botón, cortar un patrón ou bordar a punto de cruz. Nalgúns colexios, segundo nos contou o mesmo profesor, incluso coidan pitas. Non entendín ben isto último, quizais porque se falou de paso e sen dar moitos detalles, pero tirei a conclusión de que era algo así como adoptalas. Algún dos presentes dixo que estaba ben e que podía ser unha actividade moi educativa, cousa que eu non me atrevería a poñer en dúbida. A min, se cando fun neno me desen a elixir, escollería, non obstante, adoptar un ovo. Non por nada, pero o ovo resulta máis misterioso que a galiña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9  de xaneiro de 1999.