La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos coñecín nunha festa privada, en Suecia, a Jörgen Nash, un escultor danés que se fixo célebre en todo o mundo, non polo valor da súa obra artística, senón porque foi el quen, en sinal de protesta non recordo ben por que razón superior, lle arramplou coa cabeza á famosa figura da Sereíña de Copenhague. Como me imaxinara xa antes de coñecelo, era un fresco. Non obstante, por estar recente aínda daquela o suceso, foi o protagonista heroico da reunión, durante a cal asumiu o papeldun tipo audaz e terrible.

Non recordo case nada do que dixo, pois a memoria perdeu os detalles da conversa, aínda que me queda a lembranza neboenta dun discurso caótico, cheo de referencias pesadas á mitoloxía grega e a vinte ou trinta filósofos, especialmente a Nietzsche, que destacaba entre todos no medio da tortilla. O que si me quedou gravada foi a imaxe daquel oso feliz comendo  albóndegas sen parar.

Tipos así, aproveitados e golfos, dispostos a subirse no pedestal da fama a base de rachar a obra dos demais, sempre os houbo. Non obstante, o que chama a atención da guerra escultórica que acaba de empezar en Euskadi é a intensidade e a extensión do conflito. Tamén nisto os vascos son excesivos. Entre outras marcas, detentaban xa as de comer máis que ningún outro pobo no mundo e levantar as pedras máis grandes de Europa. Resultaba innecesario, por tanto, engadirlle ao pedigree nacional este asunto das esculturas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xaneiro de 1993.