La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando era neno, tiñamos a idea de que no ano 2000 todo sería posible, incluso andar dun lado para outro do mundo por medio de platillos voantes. Un profesor de Xeografía daquela época, home imaxinativo e fantasioso, un pouco toliño, dicíanos na clase que para tal data, que entón nos parecía que quedaba aínda moi lonxe, os homes medirían cerca de tres metros e que a comida sería substituída por píldoras con sabor a xamón ou a flan ou a fresas con nata. Eu, particularmente, soñaba que ó chegar ese ano, ninguén morrería e que habería máquinas para todo: para quitar anos, para viaxar polo universo ou para ver a Cristo.

Isto último veume tamén dun profesor. Recordo que unha vez nos dixo que no futuro sería posible, mediante aparatos especiais, recoller as voces do pasado, que estaban no aire, e que iso nos permitiría recuperar as que máis nos interesasen, sobre todo de personaxes históricos. Foi así como eu soñei con escoitar a Cristo.

Escuso engadir, despois do dito, que nada de todo aquilo se cumpriu, o cal, nalgún caso polo menos, como a predición de comer a base de pastillas, aínda que estas soubesen a caviar, foi unha sorte que non chegase a ser certo. O de escoitar a voz de Cristo, en cambio, dáme pena que non se conseguise, non por oírlle predicar a súa doutrina, que xa a coñecemos, senón por escoitarlle pedir un vaso de auga ou contar un conto ou pedirlle prestado un martelo, por favor, a un veciño. Polo que respecta ás máquinas para quitar anos, tanto me ten: que nos quiten o bailado.  En conxunto, eu non me sinto decepcionado. Sobre todo porque chegar ata aquí e poder contalo xa é toda unha marabilla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xaneiro de 2000.