La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No periódico de onte, nesta mesma páxina, dicían que en Cangas van organizar un concurso de cartas de amor. De seguida me veu á cabeza a lembranza do meu amigo o periodista ourensán Julio V. Gimeno, grande experto, que escribiu varios centos de cartas dese estilo, algunhas delas nun inglés que unha amiga miña lle axudaba a corrixir. Este home mantiña correspondencia con mulleres dos cinco continentes, ás cales non coñecía, pero que amaba con fervor. Normalmente case todas o querían tamén, pois gastaba unha prosa romántica e galante, capaz de tumbar a calquera.

Non recordo de que maneira entraba en relación coas señoras de Australia ou do Xapón (non da China, que non lle gustaban), pero si sei como recrutaba as españolas. Facíao a través da sección dun periódico de Madrid, moi popular nos anos sesenta, que se chamaba algo así como CQ Llamada General, onde escribían almas solitarias que solicitaban correspondencia con “caballeros con buenas intenciones”.

Como cabaleiro, a pesar de ser un home de mal xenio, Gimeno non tiña tacha: educado, xeneroso no eloxio e nos cumpridos. Que eu saiba, só perdeu os papeis nunha ocasión. Foi nun café de Pueblo Nuevo del Terrible, na provincia de Granada, cando acudiu a unha cita para coñecer unha daquelas mozas coas cales se escribía. Nada máis descubrir que a muller non tiña dentes e despois de saber que, segundo explicación da interesada, fora por comer caramelos, deu media volta e volveu para Ourense. Desde entón, renunciou a encontros persoais con ningunha outra. Para Gimeno, o amor era cuestión de palabras. Unha fermosa cuestión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de decembro de 1998.