La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día contáronme en Ourense a historia dunha señora maior que debía pasar polo quirófano para unha intervención seria e que dicía que antes de deixarse operar, prefería morrer. Como sucede case sempre neste tipo de situacións, a muller acabou claudicando pola presión insistente dos familiares e quizais tamén porque, medo por medo, o temor á morte é o máis forte de todos. A pesar de que neste caso concreto se trataba dunha persoa de fe relixiosa moi fonda, cunha gran devoción pola Virxe María.

Aínda así, nos días anteriores á intervención a enferma estaba triste e bastante enfurruñada, pouco convencida de ter acertado coa decisión que acababa de tomar. De maneira que pasou todo ese tempo protestando, talvez aterrorizada pola alternativa que tiña diante: ou aceptar o bisturí ou marchar ao outro barrio.

Non resulta difícil de imaxinar a sorpresa dos familiares cando, chegado o momento, a viron, xa camiño do seu destino, sorrindo feliz. Contaríalles o segredo uns días despois: mentres a levaban na camilla, observou que diante dela ía a Virxe dos Milagres bailando toda contenta. Sendo as cousas así, compréndese ben a alegría da señora. No fondo é como se a operasen nun quirófano situado no medio do ceo, cos anxos como cirurxiáns e Deus vixiando atentamente nunha esquina, por se fose necesario botar unha man.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de decembro de 1995.