La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que foi Fernando Sánchez Dragó quen dixo unha vez na televisión que na India, ou por alá, había hospitais para grilos. Pode ser. En Suecia hai cimiterios para cans, un deles situado a  menos dun quilómetro da casa onde eu teño pasado longas tempadas desde hai case trinta anos, á beira mesmo do estreito do Kategatt, nome que sempre me trouxo resonancias escolares. Con frecuencia, cando estou alí, vou pasear por aquel sitio, a ler as lápidas novas, que ás veces son tan orixinais como as que se poñen nas tumbas da xente, aínda que a norma é que figure soamente o nome do animal desaparecido e as datas de nacemento e morte.

Digo isto porque onte escoitei na radio un señor que contaba como lle fixo un enterro privado a unha mosca. Primeiro pensei que era unha broma, pero pronto me decatei de que falaba en serio. Logo pasoume pola cabeza a idea de que estivese tolo, con perdón. Non obstante, o seu discurso parecía moi normal.

A min, a xente que lle quere ben aos bichos, aínda que faga extravagancias, cáeme ben, a non ser eses toliños que para defender os animais que se empregan en investigación, matan os que traballan niso. Eu creo que os animais debían ter dereitos, aínda que recoñezo a que situacións absurdas nos pode levar. Non sería difícil regular, non obstante, a prohibición da tortura e os malos tratos, incluído o costume dalgúns nenos de arrincarlle as alas ás moscas ou de inflar os sapos cunha palla. Estou seguro de que iso chegará algún día. Como o corazón humano é unha cousa tan rara, teño máis dúbidas, en cambio, respecto da abolición universal da pena de morte para a xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de decembro de 1999.