La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte vin un rapaz atando unha bicicleta a unha árbore cunha cadea. Nin aquela nin esta me pareceron un obstáculo demasiado difícil para un ladrón. Como xusto á beira, a unha distancia non superior a tres metros, había unha farola, non entendín por que motivo o precavido ciclista desprezou a solidez metálica do ferro pola fraxilidade do tronco vexetal, que ademais era delgado, incapaz de resisitr media ducia de golpes de navalla. O caso é que o neno marchou todo tranquilo, convencido de que a bicicleta quedaba segura.

Creo que isto de atar os vehículos ás árbores é práctica frecuente nalgúns países de América. Un amigo meu, que dirixiu un banco por aquelas terras de Deus, coñeceu alá un compatriota que tiña tamén esa mesma manía. Empregaba unha cadea gordísima para amarrar o coche a unha árbore inmensa, pero non lle serviu de nada.

Unha noite chegaron os cacos, cortaron os elos de ferro cun cortafríos potente e marcharon co automóbil. O curioso é que o propietario nunca pensou que a cousa fose fracasar por ese lado, senón que confiaba na dificultade que supuña serrar ou arrincar a árbore. Para estes delincuentes non hai sistema que sirva. O mellor de todos, segundo lle teño escoitado a un  amigo, é levar libros na bandexa do coche, na parte de atrás. Pola razón que sexa, os ladróns pasan de largo. É unha das moitas vantaxes da cultura.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de decembro de 1996.