La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Algunha vez me teño referido aquí, citando a Ryszard Kapuscinski (que por certo acaba de sacar un novo libro excelente, titulado Ébano), aos cargos que existían na corte do León de Xudá e Rei de Reis, descendente da raíña de Saba, o emperador de Etiopía. Entre os títulos da servidume imperial, estaba o Portador dos Sete Paraugas, o Lustrador das Botas de Invitados e outros similares, un dos cales era algo así como o encargado de restaurar os desperfectos que causaban os cans da casa real cando facían as súas necesidades menores nas alfombras e incluso nos zapatos de embaixadores e outros visitantes. No mundo occidental, por fortuna, xa non quedan estas extravagancias poéticas, aínda que non todo funciona coa perfección que pensamos.

Se nos fixamos na complexidade da sociedade na que vivimos, unha boa organización dos servizos que a administración presta aos cidadáns inclúe traballos que poderían ser nomeados  e maneira parecida. Así, por exemplo, alguén será o Encargado de Acender as Luces da Cidade, o Responsable de Pintar os Pasos de Peóns, o Limpador de Cristais da Casa do Concello ou o Subministrador de Folios, Sobres e Bolígrafos. E así ata miles de funcións diferentes.

O que estou seguro que non debe existir é o Encargado de Retirar Gatos Mortos das Rúas. Digo isto porque a semana pasada contei aquí que, desde hai máis de un mes, todos os días, cando deixo a autoestrada para entrar na cidade, atópome co corpo sen vida dun pobre gatiño negro, insepulto, talvez asaltado pola morte disfrazada de automóbil no mesmo lugar onde aínda segue tirado sen que ninguén se apiade del (nin da hixiene pública). Pode suceder, sen embargo, que exista o encargado ese do que falo, aínda que cun título distinto, e que non lle cadrase pasar por alí en todo este tempo, ou que o gato caese morto nun terreo de ninguén, entre autoestrada e concello. O que si parece claro é que o citado non le esta columna.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de decembro de 2000.