La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei cantas igrexas haberá en Allariz, pero penso que contando as que se atopan no casco urbano e as que están nas aforas, como a de Vilanova, aínda sumarán máis de media ducia. Non está mal para un sitio tan pequeno. Hai anos, o escritor Marcial Suárez, que é daquela parte do mundo, escribiu nun libro de contos que a súa vila  ocupaba o primeiro lugar de España no número de templos por católico cadrado. Era unha broma cun certo arrecendo descreído que lle causou algún desgusto por irreverente, pero sen consecuencias.

Hai tempo que a xente xa non se enfada por estas cousas, o cal se pode entender como un signo positivo de madurez ou pode ser interpretado, pola contra, como unha proba da indeferenza á que nos conduciu unha civilización que non quere saber nada con Deus. O dilema, máis que un problema en si, ten todo o aspecto de ser o resultado contraditorio de dúas maneiras diferentes de entender a vida.

Na cidade india de Ayodhya, desde logo, os dilemas son máis dramáticos. Para empezar, o número de templos elévase a 6.500, unha cifra que asolaga en toneladas de fervor a piedade en gramos de Allariz. Por outra banda, bromas de Marcial Suárez á parte, a densidade espiritual naquelas terras non se mide por hindús ou musulmáns cadrados, senón pola cuadratura do imposible. Agora mesmo trátase de saber como dous templos de relixións diferentes poden ocupar un mesmo soar. Desa solución depende a vida de moita xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 1992.