La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pasado estiven en Ortigueira, unha das poucas vilas de Galicia que non coñecía, para presentar un libro de contos editado pola editorial Paporroibo, que sosteñen alí un grupo de persoas con moito ánimo. Os autores dos relatos, aínda descoñecidos no mundo da literatura, son xente de todas as idades, desde nenos de trece anos ou alumnas de COU como a amiga Arantxa, ata unha señora de máis de oitenta. O teatro onde se celebrou o acto estaba abarrotado de xente e polo que puiden comprobar ao final, había tamén abundancia de autores e autoras. Pareceume que o ambiente era cordial e que os asistentes o pasaron ben.

A cousa rematou cunha cea. Tiven de compañeiro de mesa ao señor cura, cousa que agradecín, pois en xeral os cregos adoitan ser bos conversadores. Nesta ocasión tampouco me equivoquei, a parte de que ambos os dous coincidimos na afección polo puro. En realidade, cando cheguei ao restaurante, xa me estaba agardando con un de regalo.

Nas horas que pasei en Ortigueira, atopeime con moita xente que me viña falar das cousas que escribo aquí todos os días, desde aqueles que me preguntaban por algún comentario concreto, ata outros que se interesaban polo gato Samuel. Estes últimos eran maioría. Se digo a verdade, cada vez que me preguntaban polo gato, púñame algo colorado, pois precisamente aquel mesmo día pola mañá, á hora do almorzo, tiveramos na casa unha discusión sobre el. Entre as persoas da familia hai quen lle ten algo de carraxe ao animal, tanto que sostén que se trata dun bicho parvo, vago e algo tolo. Escuso dicir que discrepo, pero diso falarei mañá. Mentres tanto, Samuel está ben. Un pouco gordo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de decembro de 1999.