La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde a ventá do despacho escoito unha algarabía infantil, inocente e alegre, que sobe en balbordo desde a rúa. De repente, parece como que todo o barrio se convertese nun inmenso patio escolar invadido por centos de meniños á hora de iniciar o recreo. Resulta agradable e sorprendente, porque o normal é que os ruídos da xente que chegan ata aquí sexan case sempre berros desmesurados, como de traxedia ou morte, en xeral motivados por nimiedades relacionadas co tráfico. Por iso me levanto para ver o que pasa.

Atravesando o paso de peóns, desde a Alamenda ata o edificio central de Correos, vexo a un grupo bastante nutrido de nenos pequeniños, dunha idade aproximada de cinco ou seis anos, perfectamente ordenados en filas de a tres, conducidos con paciencia polas súas mestras. Cada un deles leva un sobre na man.

Está claro que van botar a carta para os Reis Magos. Ao chegar á altura do buzón, coa mesma orde que chegaron, as profesoras vannos levantando un por un para que depositen o sobre no seu sitio. Cada un actúa dunha maneira diferente. Hainos que vocean algunha recomendación engadida ou que pintan o mono con algún berro nervioso ou que simplemente seguen calados de asombro. A min ocórreseme pensar no destino vulgar que terán esas cartas, na brutalidade profesional con que se tratarán eses soños.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de decembro de 1993.