La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando Alfredo Conde estivo na Habana e entrevistou a Fidel Castro para a Televisión Galega, recordo que lle preguntou se era verdade que un parente meu, arcebispo en Santiago de Cuba, lle tiña salvado a vida. O primeiro ministro revolveuse no asento, levou a man ata a barba e dixo que xa non sabía se fora certo ou non. Sorprendeume a resposta porque o propio Fidel, naquel célebre discurso de autodefensa que pronunciou cando o xulgaron tras o asalto ao cuartel da Moncada, recoñeceu publicamente ese feito.

Daquela, o arcebispo e o comandante tiñan moi boas relacións. Nunha das viaxes que o meu parente fixo para ver a familia, trouxo a gravación dun discurso do dirixente cubano, no que este anunciaba coa voz profética dun poeta revolucionario que Cuba acabaría sendo a tumba inevitable do imperialismo americano.

Onte mesmo vin nunha parede de Vigo, escrito con tinta fresca, ese mesmo anuncio. Pasado o primeiro sorriso, do fondo da nostalxia saíume algo parecido a un vello soño: aquel que fixo pensar a tantos mozos, hai xa moitos anos, que sería fermoso varrer a inxustiza do mundo e liquidar o poder esmagante dos imperios modernos. O que ocorre é que, cando un non quere enterrar a ninguén, sentiríase simplemente feliz coa realización utópica de algúns ideais. Por exemplo, que Cuba non se acabase enterrando a si mesma.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de decembro de 1994.