La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven no acto de entrega dos Premios Fernández Latorre e no xantar que seguiu, nos novos locais onde agora se fai este periódico. Tocoume unha mesa con bos contertulios, xente case toda do mundo do Dereito, que dedicaron unha parte das horas que estivemos xuntos a contar historias da súa facultade, onde abundaban, naquel tempo, os docentes pintorescos. Parece ser que foi certo aquilo, que tiña escoitado outras veces, dun profesor que dixo: “Se un ladrón entra pola ventá ou viceversa”. Había dúbidas, en cambio, respecto doutra frase, tamén moi mencionada. Aquela que di: “Imos dividir a clase en tres metades”.

Todas eran atribuídas á mesma persoa, que eu coñecín e sempre me pareceu un home bondadoso, aínda que non teño elementos para opinar sobre a súa sabedoría. Cando eu era estudante de Letras atribuíanlle ditos que seguro que non eran certos, como aquel de que acababa de recibir un telegrama “tan escueto, que non sei se son tío ou tía”.

Que naquela facultade había xente rara, comprobeino eu mesmo cun amigo que estudaba Dereito e a quen lle tomaba a lección dun folletiño que lle chamaban o “Para Huxley”, pois empezaba dicindo: “Para Huxley el sentido común es el menos común de los sentidos, si bien ya afirmaba nuestro gran Balmes, etc., etc.”, e que eles tiñan que saber de memoria, tanto que o señor conselleiro de Xustiza, que estaba onte na nosa mesa, contou que o profesor ás veces preguntaba: “A ver, empiece desde donde dice sin embargo”. Con todo, observando os meus compañeiros de onte,  catedráticos e algún maxistrado, cheguei á conclusión de que un mal profesor pode pouco contra o talento.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 1999.