La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a mañá de onte tratando de falar por teléfono con José Hierro, gañador do Premio Cervantes deste ano. Non foi posible. Ten tantos amigos que o número de chamadas debeu de ser tan desbordante como a personalidade do premiado. A última vez que felicitei a Hierro por un premio, creo que cando lle concederon o Príncipe de Asturias, díxome unha frase deliciosa, característica del: “Estoy avergonzado. Me siento como si me sorprendieran robando en El Corte Inglés”. Non se trata de retórica nin de falsa modestia. Estou seguro de que ese é o sentimento que experimenta en casos así. Este gran poeta é un exemplar humano absolutamente excepcional.

Poucos saben que ten detrás da súa vida unha biografía dura, que nunca pregoa. Foi dos que perderon a guerra, sendo aínda un rapaz de menos de vinte anos. A idade, cando estaba no tempo de gozar dela alegremente, sen responsabilidades de adulto,  tampouco lle serviu de nada á hora de pagar por delitos inexistentes. Unha parte da súa mocidade pasouna Hierro na cadea.

Non resulta fácil imaxinar este terremoto entre reixas, este gozador pechado no cárcere: sen viño, sen mulleres, sen cociña onde preparar eses pratos magníficos que prepara. Nunca souben como transcorreron para el os anos en prisión. Só lle oín contar unha anécdota daquela experiencia. Foi o día que os presos recibiron a visita dunha autoridade do novo réxime, que ía falando con eles un por un. Cando chegou á altura dun compañeiro de Pepe, o xerarca preguntoulle “¿Y tú desde cuando estás aquí?” A resposta foi contundente: “Desde que nos liberaron, señor”. Referíase á liberación de Oviedo polas tropas de Franco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 1998.