La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunca entendín por que motivo, unha cidade cun pasado cultural tan glorioso como Zürich non conserva apenas as referencias desa parte da súa historia. Hai unha foto famosa, que os afeccionados á literatura coñecen ben, na que se ve, na célebre Bahnhofstrasse, a rúa máis luxosa da vila, a tres gamberros facendo o pallaso. Un deles é levado como unha vaca, arrastrado por outro, coa lingua fóra; un terceiro simula unha decapitación.  Trátase de Tristan Tzara, Hans Richter e Hans Arp, fundadores de Dada.

O movemento Dada, tan importante na historia da arte do  noso século, naceu en Zürich, no café Voltaire. Este  famoso local estaba situado na Spiegelgasse, unha rúa da parte vella que aínda existe. Nela viviron Goethe, Robert Walser e Lenin. Este último, por certo, saíu de Zürich precisamente en 1917 para dirixir a revolución en Rusia.

Inútil atopar hoxe referencias a estes feitos nas guías turísticas dedicadas á cidade. Nada se di nelas de que alí están enterrados  Joyce e Thomas Mann ou que foron os seus veciños, ademais dos citados, Casanova, Robert Musil, Stefan Zweig e Elías Canetti. Case sempre se insiste no feito, sen dúbida importante, de que Zürich é a capital financeira de Suíza e un dos centros da economía mundial. Estes días pasados a única referencia que vin a Dada foi un letreiro. Non recordaba a historia; simplemente anunciaba un comercio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de decembro de 1997.