La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos sesenta, cando eu era estudante en Santiago, un día dei unha conferencia no Liceo de Ourense, quizais das primeiras da miña vida. Non recordo moi ben o que dixen, aínda que sei perfectamente o que quería dicir: facer unha crítica, dentro do que entón era posible, sobre a situación política que se vivía en España. Ao rematar, un señor que ocupaba un asento na primeira fila pegou un salto e veume dar un abrazo ostentoso. Case seguido, cando pensou que non o escoitaba, fixo de min un comentario negativo.

Foi unha boa lección, aínda que non a última. Comportamentos como aquel aprendín despois que non son infrecuentes, mesmo me atrevería a dicir que son bastante normais. Ese convencemento non conseguiu, pese a todo, converterme nun pesimista, aínda que me permitiu catalogar a hipocrisía como un pecado divertido.

En xeral, os hipócritas non me caen mal. Cando vexo a alguén que exhibe con descaro a propia moral ou que fai ostentación da propia virtude para negar a dos demais, penso que se trata dun xogo que oculta case sempre algo que non se pode confesar. A graza está en imaxinar en que consiste. Era o que me pasaba estes días con ese novo apóstolo americano, o senador Newt Gingrich, abandeirado vociferante da rexeneración moral do seu país. Con todo, non cheguei a imaxinar que escribise libros pornográficos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de decembro de 1994.