La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven unha vez nunha reunión con Miguel Delibes e quedei marabillado da habilidade manual con que liaba os cigarros. Mentres unha periodista audaz e moderna o sometía a preguntas tan absurdas como se prefería comer perdiz ou coello, o novelista estaba ensimesmado, gozosamente entregado ao pracer práctico de fabricar un pito coas propias mans. Nin sequera interrompeu o seu parsimonioso labor cando a periquita lle preguntou se para facer o amor lle gustaba máis a luz encendida ou a luz apagada.

Cando o escritor tiña rematado, xusto no momento en que se dispuña a pasar a punta da lingua pola cola do papel, de pronto caeulle o cigarro ao chan. Foi no preciso instante en que aquela señorita, entusiasmada ela mesma pola audacia das súas propias preguntas, lle preguntou se lle importaría pilotar un avión.

Reposto do disparate, Delibes empezou a liar de novo o cigarro perdido. Procedía coa mesma tranquilidade calmosa, con paciencia exemplar. A periodista seguía erre que erre e o novelista respondía con cortesía á serie ininterrompida de desatinos que lle preguntaba. Só o vin nervioso un segundo, cando se dispuña a pasar outra vez a lingua polo papel. Entón ergueu a man en sinal de alto e con aquel xesto pediulle á rapaza que esperase antes de facerlle unha nova pregunta. Vese que non quería perder o cigarro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de decembro de 1993.