La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Parece que o único resto que queda da balea que enguliu a Xonás e despois o devolveu completamente san ao mundo está en poder dunha señora americana de Utah. Trátase, segundo a propietaria, dun anaco minúsculo dunha vértebra: un par de centímetros de óso dalgúns gramos de peso. A reliquia tena engarzada en ouro e protexida por un cristal irrompible, a proba de balas. Adquiriuna hai anos a unha empresa italiana especializada neste tipo de tesouros. Mercoulle amén un dedal de Santa Ana.

A señora, unha vella millonaria que posúe tamén espadas de personaxes históricos, un rizo de María Antonieta, con restos de sangue como consecuencia da coitelada salvaxe da guillotina, e dúas cordas da arpa de Nerón, ten un soño non cumprido: adquirir unha espiña da coroa de Xesús. Alguén lla venderá pronto.

Nisto do coleccionismo, cada un alegra o corazón segundo os seus gustos, de acordo coas súas posibilidades e tendo en conta a súa inocencia. Sen movernos do mundo das reliquias, eu confeso que me gustaría ter unha pata ou unha uña daquel caranguexo que recolleu no mar a cruz que un día lle caeu a san Francisco Xavier e que lla entregou ao santo. Tense por un dos grandes milagres deste home que fixo uns cantos. Aínda que, pensándoo ben, o prodixio debíaselle atribuír ao animaliño. Que estará no ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de decembro de 1996.