La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A situación máis disparatada que coñezo é seguramente unha que lle oín describir a Ramón Piñeiro, da que el mesmo foi testemuña cando era un rapaciño e traballaba nas oficinas dunha ferraxería en Sarria. Creo que xa o teño contado. Resulta que un día estaba o dono do negocio na porta escoitando un amigo. De pronto, Piñeiro foi avisalo de que o chamaban por teléfono. Sen decatarse do que dicía, o señor entrou no local, pero antes volveuse ao seu interlocutor para dicirlle: “Vostede siga falando, que eu volvo agora”.

Onte contáronme algo parecido, pero en versión literaria. Un profesor amigo meu, que é tan xeneroso como era don Ramón Otero Pedrayo á hora de escribir toda clase de prólogos para todo tipo de escritores, recibiu hai pouco a solicitude dun poeta para que lle puxese unhas liñas de presentación á fronte dun libro de poemas.

O solicitado díxolle que si, como lle di a todo o mundo, pero quedou á espera de que o autor lle remitise por correo unha copia da obra en cuestión. A sorpresa foi que un día, pasadas unhas semanas, recibiu unha chamada do aspirante interesándose polo traballo, que non lle chegara. O meu amigo explicouse aclarando que aínda non coñecía os versos que debía presentar. A resposta do outro foi terminante e sincera. Dixo: “Vostede vaia facendo o prólogo, que mentres tanto eu xa terminarei o libro”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de novembro de 1995.