La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, en Lisboa, contáronme que hai un partido político en Portugal que agrupa uns poucos miles de xubilados, pero está cheo de rapaces novos. Non se trata dun movemento de solidariedade, senón doutra cousa moi diferente. Nas últimas eleccións, polo visto, a todo o mundo lle chamou a atención que os responsables da citada agrupación política, que na lexislatura anterior tivo un deputado, non presentasen nas listas militantes de idade avanzada, como na vez anterior, senón mozos de vinte e tantos anos, con aspecto atlético, dispostos a partir o peito por sacar un escano e ocupar o sitio no Parlamento, sen dúbida co propósito loable de loitar pola defensa dos intereses de todos os xubilados.

Parece que, a pesar da imaxe xuvenil dos candidatos, o partido non obtivo o éxito que algúns agardaban, especialmente os homes que ocupaban os primeiros postos dos carteis. Iso quere dicir, entre outras cousas, que a xente maior non votou aos seus, no caso de que os seus fosen exactamente aqueles que dicían representalos.

Por suposto, os electores non se equivocaron. Os flamantes candidatos do partido dos xubilados eran pilotos da Forza Aérea e a razón do seu interese polos problemas da terceira idade non parece que fose altruísta. Só pretendían valerse dun requisito legal, é dicir, presentarse a unhas eleccións, para burlar a norma que lles impide pasar directamente do exército á aviación civil, onde pagan moito mellor. Naturalmente, sen descartar tampouco que algúns deles sentisen de verdade os discursos que pronunciaban. Despois de todo, todos temos corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de novembro de 1999.