La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dunha maneira case clandestina, esperando que ninguén se decatase do asunto, hai cousa dun ano, os donos de Columbia Pictures, a célebre empresa cinematográfica americana, fixeron unha operación de maquillaxe nesa estatua feminina cunha antorcha na man que todos temos visto desde nenos ao comezo das películas da casa. Máis ou menos, a cousa sería como se os responsables da Metro se atrevesen a raparlle as melenas ao león. Naturalmente, como era fácil de imaxinar, a historia non pasou desapercibida.

O primeiro que se nota é que a señora deixou de ter a aparencia dunha estatua para converterse nunha muller de carne e óso. Polo que respecta ao talle, fixérona un pouco máis alta, quitándolle ademais uns poucos quilos de peso, especialmente da cintura. Finalmente, o pelo negro de antes é agora máis ben louro.

Ao se veren descubertos, os novos propietarios da empresa, que son xaponeses, dixeron que se trataba de adaptarse aos tempos e anticiparse ao futuro, o cal non deixa de ser unha frase de significado moi pouco claro. Desde logo, aínda carecendo de calquera sensibilidade para as teorías conspirativas, non resulta difícil maliciar algunha intención secreta, quizais inconfesable.  De momento non nos queda outra opción que sentírmonos como coellos nun laboratorio. Só por iso, haberá que protestar polo cambio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de novembro de 1994.