La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Falaba onte aquí dun rapaz americano que inventou unha filosofía para explicar por que razón colgaba aros en distintas partes do corpo. Desde logo ten que haber unha causa que leve de pronto a miles de rapaces en todo o mundo a poñer aneis no nariz e nas orellas. Ao principio parecía unha práctica circunscrita ás grandes cidades: Nova York, Londres, París, Berlín… Logo empezaron os de Madrid e Barcelona. A Vigo chegou a moda hai tempo. Mesmo na miña aldea hai xa tamén algún exemplar.

Neste último caso eu trato de poñerme na pel dun paisano  de por aquí, asentado cos pés na terra segura dos seus devanceiros, que un día se atopa cun fillo que leva un pendente nos labios ou unha cresta de galo na cabeza. Non será difícil imaxinar as miradas furtivas deste home, mentres come o caldo, cara a unha cousa semellante.

Na miña vila, hai xa bastantes anos, correu a noticia de que unha moza que marchara de emigrante a Alemaña tivera un fillo cun negro. Eu mesmo oín contar a historia nun bar, mentres facía que lía o periódico. Os que falaban eran dous mozos que non parecían demasiado ilustrados, pero que tiñan ideas claras ao respecto. Un deles, partidario dun castigo severo para a rapaza, dicía que había que ser moi arrastrada para deitarse cun home que leva un aro no nariz. Nin tanto. Algúns son incluso de ouro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de novembro de 1993.