La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todas cantas cousas me chamaron a atención nestes días que pasei en Israel, as máis sorprendentes teñen que ver cos preceptos relixiosos e os formalismos destinados a burlalos, o cal non quere dicir que os xudeus sexan hipócritas ou cínicos. Polo contrario, deume a impresión de que son cumpridores, incluso aqueles que seguen os mandatos por razóns de tipo cultural e non por motivos relacionados coa piedade. Por exemplo, nos hoteis só se serve comida “kasher”, como din eles, ou “kosher”, como din os ingleses. Iso significa, por exemplo, que resulta imposible tomar café con leite, porque este último produto está prohibido mesturalo con carne.

Onte mesmo, cando viñamos no avión, nunha compañía de Israel, á hora de xantar, coa bandexa da comida entregáronnos un certificado no que se nos aseguraba que toda a comida era “kasher”, é dicir, que a carne procedía dun animal de dobre pezuña e rumiante ou de peixe con escamas e aletas, sacrificados ademais en presenza dun rabino, seguindo unhas determinadas regras e normas.

Por non ser rumiante, o porco queda excluído da dieta. Hai unha lei, aprobada no seu día polo parlamento de Israel, que prohibe que se poidan criar porcos sobre solo israelí. País democrático, non obstante, as súas autoridades tiveron que aceptar a burla que atoparon nun buraco legal os habitantes dun “kibutz” ou granxa colectiva, que montaron unhas enormes plataformas de madeira, nas que se dedican desde entón a criar porcos, iso si, tendo en conta que non se críen sobre “solo” de Israel, pois iso iría contra a lei. Naturalmente, en Israel hai moita xente laica que non quere seguir as normas relixiosas e que quere comer xamón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de novembro de 1998