La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, mentres camiñaba cun amigo pola rúa do Príncipe, en Vigo, escoitei unha gargallada inmensa e longa, non a risa explosiva de alguén que ri de repente cunha graza detonante, senón o berro gozoso dunha persoa que se comportaba como se o mundo enteiro lle parecese unha ocorrencia xenial e cómica. Na miña vida escoitara rir a ninguén de maneira semellante. Cando o meu amigo e mais eu estabamos xa no outro extremo da rúa, a varios centos de metros, a gargallada seguía, incontenible e interminable, potentísima.

Era un home pequeno e forte, duns sesenta anos, co pelo branco, bastante ben vestido, aínda que con signos evidentes de ter algunha avaría seria na cabeza. Sen deixar de rir, amparandoa barriga coas mans, ía repetindo o nome dalgúns políticos e non sei que confusas referencias facía á maneira de votar da xente de Ourense.

O amigo que me acompañaba díxome que o comportamento daquel home lle parecía un símbolo da actitude da opinión española fronte á política. Non estiven de acordo: o desprezo que moita xente sente polos políticos nunca me impresionou positivamente; menos aínda a distancia altiva que demostran algúns intelectuais. A min, a risa daquel home pareceume un exemplo magnífico de saúde polo lonxe que estaba do patetismo que algúns viven os asuntos da cousa pública. Non é necesario tomar a política tan en serio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 1994.