La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, hai xa bastantes anos, nunha tertulia nocturna do Café Derby, en Santiago, alguén estaba contando que o escritor lugués Ánxel Fole se sentía feliz porque tiña a seguridade de que era capaz de apagar os farois de Lugo só con pasar debaixo deles. O amigo que falaba do asunto aseguraba ademais que era certo, que el mesmo o comprobara. Entón, un dos mozos que asistía á tertulia dixo: “Sería unha casualidade”. Con frecuencia, o misticismo adoita ser simple, pero o racionalismo pode ser tamén moi inoportuno.

Sucedía nas tertulias de Valle-Inclán, segundo contan os que pasaron por elas. Ás veces, cando don Ramón se puña a falar e refería, por exemplo, historias fantásticas, sempre había xentes dispostas a poñer en dúbida, naturalmente en voz baixa, a veracidade dos relatos do escritor. Sostiñan que se trataba de cousas inventadas.

Onte publicaban os periódicos a noticia de que unha filla de Lola Flores ten problemas coas luces e as lámpadas da casa, que se acenden e apagan dun xeito arbitrario, sen explicación nin motivo. De momento, a rapaza xa adiantou unha interpretación do fenómeno: trátase dunha mensaxe da nai, que se comunica así con ela desde o outro lado da vida. É posible. Agora ben, se non fose feo, tanto como as dúbidas expresadas diante das historias de Fole e Valle-Inclán, eu diríalle a esa moza que avisase ao electricista.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de novembro de 1995.