La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte recibín unha chamada de Berlín que se prolongou durante máis dunha hora. A amiga alemá que me falaba desde o outro lado do teléfono atopábase nun piso do barrio de Charlottenburg, moi cerca do castelo. Mentres escoitaba a súa voz, parecíame que podía percibir, aínda a través do aparato, o arrecendo do parque próximo e as pisadas silenciosas da xente que acode ao Museo Exipcio para contemplar a fermosura de Nefertiti. A nostalxia e a memoria xuntas poden facer estragos no corazón.

O que veu despois foi máis prosaico. A miña amiga contoume que a xente do Leste suspira polo muro. Agora din que as cousas non estaban tan mal como parecía e que aquela  separación de cemento lles servía de defensa. Como se ve, a nostalxia tamén vale para transformar un monstro repugnante nunha pomba inocente.

Os berlineses da outra banda soñaron tanto coas marabillas que se ocultaban detrás do muro que resulta comprensible que a realidade que atoparon non lles guste. É certo que gañaron a liberdade e que agora poden ir a onde queiran, viaxar polo mundo e pasar as vacacións en calquera dos paraísos turísticos que existen. O que sucede é que os soños son caros e que eles non teñen diñeiro para pagalos. Non fará falla que lles reconstrúan o muro: lévano dentro de si, pero coas ilusións convertidas en problemas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de novembro  de 1996.