La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vexo empapelado nos xulgados por un presunto delito de prevaricación un alcalde que noutra época me perseguiu con saña; ou talvez fose simplemente con mala uva, pois tampouco se trataba duha acción poderosa, senón dunha pequena perrallada bastante mesquiña. Se non se dese a circunstancia de que o citado individuo encontrou o concurso dun gobernador civil aguerrido, con espírito de frecha e parvo de remate, a cousa non pasaría a maiores. Entre os dous, non obstante, botáronme do instituto onde traballaba.

O pretexto foi unha obra de teatro que me atribuíron, pero escrita por outro profesor que nunca negou que fose del, que os alumnos representaron co motivo dunha festa escolar. Polo visto, nun rapaz que recitaba o discurso de Demóstenes aos atenienses, o meu acusador descubriu que a voz, os xestos e a posición da man dereita eran unha parodia mal intencionada do xeneral Franco.

De todo aquel disparate quedoume unha boa amizade co tenente coronel da Garda Civil, a única persoa sensata de todas cantas interviron no asunto, e unha incapacidade case infinita para odiar. Ver actuar dunha maneira tan infantil a toda aquela panda de parvos convenceume de que o mal é unha cousa tan seria e fonda que non todo o mundo é capaz de facelo. Por iso, tantos anos despois, doulle as grazas ao meu perseguidor por espertar en min un sentimento sincero: oxalá que saia mellor parado ca min no trance no que anda metido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de novembro  de 1992.