La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No periódico de onte publicábase a noticia dunha señora que lle foi pedir unha pataca a un veciño e este intentou abusar dela. Esa era a versión da muller, que non lle foi aceptada polo xuíz por falta de probas, de maneira que non podemos dicir que a acusación sexa certa. Hai anos fíxose famoso un caso parecido: unha italiana bonita e nova, exuberante, simpática e falangueira, petou na porta dun veciño para pedirlle unha faba. Este, sorprendido pola petición, mandouna pasar e, como diría o Arcipreste, acabou o que quixo.

No xuízo, o home defendeuse sen negar os feitos. El pensou que unha rapaza que vai á casa dun señor ás dez da noite, que lle pide unha faba sen deixar de rir e que acepta unha invitación a traspasar a porta, é que vai buscando algo máis. O caso é que a argumentación do home foi considerada crible e non pasou nada.

Pola súa parte, a rapaza recoñeceu que pedira unha faba, unha soa, pero que foi porque estaba nerviosa: o que necesitaba era unha bolsiña delas, tal como lle pedira a súa nai. Polo que respecta á cousa esa de rir, tamén tivo que ver co mesmo nerviosismo, así como o feito de entrar na casa por solicitude do home. Foron tres malas explicacións para defenderse. Non sería o mesmo se a moza pedise un ovo, un allo ou unha cebola, por exemplo. A decencia pode depender dunha faba. Vese que vale ben pouco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de novembro  de 1997.