La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde estiven en Reboreda para participar nunha sinxela homenaxe a don Xoán Manuel Pereira, o fidalgo daquela parroquia que lle inspirou a Otero Pedrayo a figura do protagonista da novela O señorito da Reboraina. O pazo do vello romántico e aventureiro, que tiraba onzas de ouro á rapañota desde o coche de cabalos cando subía desde a estación ata a aldea, pertence agora a uns bos amigos meus, que mo ensinaron por dentro. Aínda hoxe, asisten á misa desde a casa, que ten unha ventá que dá á igrexa.

A primeira noticia que eu tiven de don Xoán Manuel foi hai moitos anos, un día que a miña nai e o meu tío José me levaron a merendar ao pazo dos Rivas, en Bóveda, que tamén son parentes do señorito. Alí vin unha babucha xaponesa ou chinesa nunha vitrina, da época en que o personaxe estivo de embaixador en Oriente.

Da homenaxe, o que máis me gustou foi o concerto de zanfona que deron catro rapaces de Vigo dentro da igrexa. Tivo algo de máxico, enturbado só por un pequeno percance que houbo cos micrófonos antes de empezar. O señor abade, hábil e dilixente, resolveuno el mesmo, supoño que por vía ordinaria.  Foi unha lástima que non nos pedise a todos os presentes que rezásemos algunha oración para arranxar a avaría. Estaría máis de acordo co momento. De todos os xeitos, a técnica tamén vale nestas ocasións.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de novembro  de 1996.