La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte espertáronme ás sete da mañá desde Tenerife. Dúas persoas que unha hora máis tarde tiñan que tomar un avión atopáronse coa sorpresa de que os billetes que eu lles dixera que podían recoller no aeroporto non aparecían no ordenador. Foi o primeiro susto do día. O segundo xurdiu na estrada, cando me dirixía a Vigo. O coche, acabado de saír dunha revisión, deu unha alarma desas que os manuais aconsellan tomar en serio, de maneira que entrei no primeiro taller que atopei, botáronlle auga e cobráronme tres mil pesetas.

Unha hora despois, o meu ordenador quedou bloqueado e deixoume cun traballo urxente a medio facer. Collín o coche e alá fun dando tombos por entre as obras que teñen a cidade medio paralizada, ata o lugar onde arranxan este tipo de aparatos. Dixéronme que a avaría non era pequena e que tardarían varios días en amañala.

No aparcadoiro subterráneo, cando me dirixía no auto cara á saída, lin un cartel que advertía da necesidade de pasar pola caixa antes de mover os vehículos. A punto de perder a calma, coa irritación mordendo furia dentro da boca, decidín seguir. Cheguei ao control, detiven o coche e baixei para facer o pago. Nese momento, a rapaza encargada de cobrar, devolveume os cartos que eu despositara na bandexa do despacho. Cando lle ía dicir que estaba farto, sorriu, díxome que fora alumna miña e que non me cobraba.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de novembro  de 1994.