La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Irán acábanlle de cortar todos os dedos da man dereita a cinco ladróns convictos e confesos. A nota de prensa aclara que esa é a pena que lles corresponde aos que rouban por primeira vez, porque aos reincidentes córtanlles a man enteira e aos que rouban por terceira vez déixanos sen o brazo. O que non sabemos é o que sucede de aí para adiante. Se a sanción mantén ese mesmo carácter progresivo, o lóxico sería que logo se pasase á man esquerda, a única coa que o delincuente mutilado podería delinquir. ¿E despois?

Despois xa carece de sentido, pois resulta moi difícil que un home sen mans poida roubar. A condena, polo tanto, medida polo grao da súa eficacia, cumpre coa función que probablemente lle asignou o lexislador, castigar ao delincuente e incitalo a non volver pecar. En Occidente, non obstante, este tipo de castigos aínda removen os bos sentimentos dalgunhas almas delicadas.

Poucas persoas estarían dispostas, polo tanto, a apoiar unhas leis que cambiasen determinados delitos por pés, orellas, ollos ou narices; nin sequera por lunares ou verrugas. Todo iso xa se arrincou con tenaces no pasado, incluídas as tetiñas dos homes, a determinados infelices que tiveron a mala sorte de vivir nun tempo menos civilizado que este no que nós vivimos. ¿E os violadores? ¿Que se fai cos violadores? ¿Serían tantas as almas nobres que se opuxesen a que lles cortasen o pirindrollo? Por suposto con anestesia e bisturí.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de novembro  de 1992.