La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na noite do sábado para o domingo, xa de madrugada, fun escoitando no coche un deses programas de radio que un non sospeita sequera que existan, pero nos que participan moitos oíntes por teléfono, o cal non deixa de sorprender. Como dicía alguén cando lle presentaron a un filósofo, hai xente para todo. Nesta ocasión tratábase dun adiviño que atendía consultas, case todas motivadas polo amor, o diñeiro ou o traballo. Polo que manifestaban os propios interesados, daba a impresión de que estes quedaban moi satisfeitos.

A min parecíame que as respostas, con lixeiras variacións, eran todas iguais. En xeral, resultaban esperanzadoras: os problemas ían solucionarse moi pronto, quizais ao empezar o ano, e os máis difíciles de resolver, normalmente os relacionados co emprego, situábanse nun horizonte inconcreto que non excluía un golpe de fortuna.

Cheguei á conclusión de que o adiviño era un coñón, incluso unha boa persoa que se dedicaba a tranquilizar a xente que non dorme porque está preocupada ou nerviosa. Excluín que fose un aproveitado. Non obstante, ao final tiven que admitir que se trataba dun profesional escrupuloso. Foi cando chamou unha señora que quería saber como ía andar de saúde o ano que vén. O citado individuo preguntoulle entón a data de nacemento e a hora, pero a muller ignoraba este último dato. Nese caso, respondeulle, era imposible facer un diagnóstico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de novembro  de 1995.