La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola tarde estiven na Coruña, pero como ata as oito non tiña nada que facer, metinme nunha tenda de xoguetes a ver trens eléctricos e a falar co dono, que é afeccionado e entendido. Nunha vitrina, exposto para o público, pero fóra de venda, vin o tren de Luís II de Baviera, aquel tolo que fixo para si un dos comboios máis fermosos do mundo e que hoxe se pode admirar no museo de Nuremberg. Foi alí onde o descubrín eu, hai xa varios anos. Tempo despois, por pura casualidade, atopei unha reprodución en tamaño miniatura nunha tenda de Madrid. Hoxe é unha das pezas máis valiosas da miña colección. Nunca me atrevín a poñelo a andar na maqueta.

Queixábase o meu interlocutor da pouca afección que hai en España a este tipo de coleccionismo. Eu conteille que eses días de aí atrás, cando estiven en Frankfurt, visitei cinco ou seis establecementos abarrotados de xente mercando locomotoras, vías… Alemaña é un dos países cun maior número de afeccionados e onde se fabrican uns trens eléctricos magníficos. En canto a museos, tampouco ten parangón.

Agora van abrir en Ourense a que vai ser a mellor colección de España e unha das máis importantes do mundo: ¡catro mil locomotoras! Daría algo por ser empregado dese museo, sempre que me deixasen quedar só de noite para poñer en marcha os circuítos. Xa sei que as persoas que non están no allo adoitan xulgar estas devocións con certa perplexidade, como se un fose parvo ou tivese unha fixación infantil. Non digo que non estean no certo, pero ser un pouco parviño non é delito e resulta beneficioso. Quero dicir que mentres un se dedica a estas parvadas pequenas non lle queda tempo para facer tonterías importantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de novembro  de 1997.