Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Cousas da técnica

30 de octubre de 2016 a las 0:15

Cada vez que abro o ordenador no que escribo, aparece na pantalla un cadro que me pide que poña o meu nome. Segundo me explicaron os que saben disto, trátase dunha medida de precaución destinada a que ninguén poida entrar na miña intimidade, o cal, se digo a verdade, non me importa demasiado, pois non gardo secretos de ningún tipo. Onte, mentres pensaba no artigo de hoxe, decidín comprobar, máis que nada por divertirme, se a citada barreira protectora servía de algo, e puxen un nome distinto do meu. Resultou que o ordenador abriu como se nada, de maneira que me decatei de que se trataba dun farol. Chamei por teléfono a un amigo que domina estes asuntos e díxome que iso era raro.

Empezo a pensar que nestas cuestións da informática, da técnica e da electrónica hai moito conto. A un escritor arxentino que vivía en Madrid hai uns anos, e que xa morreu, vendéronlle unha casa moi moderna, na que as persianas subían e baixaban soas, as luces apagábanse sen necesidade de darlle a ningunha chave e a porta de entrada abría cando o dono llo pedía de viva voz. Unha vez, sen embargo, este atopouse con que lle saían fideos pola billa do lavabo e que corría electricidade polas paredes e polo chan.

Agora, segundo oín contar, nos coches máis caros hai unhas pantallas onde se poden meter os mapas de todas as cidades, dáselle logo a unhas teclas indicando o destino ao cal se quere chegar e o mesmo auto vai dicindo en voz alta se un debe torcer á dereita, á esquerda ou seguir de fronte. Un xoguete perfectamente inútil, como todos os xoguetes, pero que pode facer ilusión durante uns días, igual que lle pasa aos nenos despois de Reis cos cachivaches electrónicos que lles botan os magos. Eu prefiro os milagres. Son máis sorprendentes, entreteñen máis e non sofren avarías. Non creo que haxa aparato máis seguro para protexer un avión que o Anxo da Garda. Aínda que tamén falla ás veces, por suposto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de outubro de 2000.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario