La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñezo unha profesora que dá clase a nenos pequenos e que debe ser unha santa. Xa sufriu dúas mordedelas. Nunha ocasión, sen que mediase motivo aparente, un dos rapaces, precisamente o máis gordo de todos, achegouse a ela, que é miudiña e non ha pesar moito máis de corenta quilos, e largoulle unha dentada nun brazo que a punto estivo de reducirllo en bastantes gramos. O peor do asunto, segundo me contou, é que non conseguía desprenderse dunha boca que apertaba coa forza da mandíbula dun can.

Unha vez librada daquela especie de touro en miniatura e despois de pasar por unha clínica para aliviar a dolor que sentía, impúxolle o castigo correspondente a aquel bichiño a medio civilizar. Tratábase, non de vingarse, como é lóxico, senón de facerlle entender ao neno que un non pode facer todo canto quere.

A profesora, moi preocupada por non equivocarse na sanción, marchou para a casa coa dúbida de se acertara co método. De maneira que pasou a noite incómoda, tanto pola mazadura que tiña no brazo como polo temor de que a pena imposta fose excesiva, en parte motivada polo enfado e a irritación. Ao día seguinte, ao entrar na aula, non viu o neno mordedor. Alarmada, preguntou por el e dixéronlle que estaba no lavabo. Foino buscar e sorprendeuno a berros: “Yo estoy meando y mi profesora es muy bueeena!”

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de outubro de 1995.